Novo evento Allentum este xoves 2 de maio con teatro clásico para adultos coa obra «Commedia» no Auditorio Gustavo Freire de Lugo dende as 20:30 horas. A obra, que mestura teatro e danza, está dirixida por Cándido Pazó e é da compañía teatral Contra Producións.
«Arlecchino encontra unha carta de amor no mandil da súa muller e, erradamente, pensa que ela o engana. Quere matarse, pero deteno unha misteriosa voz que lle dá un anel máxico que fai perder a memoria a quen o pon. Arlecchino esquéceo todo, pero tamén a noción das convencións sociais. Humor, acrobacias, música en directo, diálogos mordaces, teatro físico, canto e baile sucederanse entre divertidos equívocos e enxeñosos enredos arredor do amor romántico e dos riscos da sinceridade, coa participación das principais figuras da “commedia dell´arte”: o cutre taberneiro, o pedante Dottore, o avaro Pantalone, o fanfarrón Capitano, a encantadora Arxentina… Vinte e cinco anos despois da súa primeira estrea, un dos fitos do teatro galego polo éxito e repercusión que tivo hai 25 anos na escena galega e pola súa presenza en escenarios de España e mesmo internacionais. A compañía Contraproducións revisita esta explosiva obra co mesmo director, Cándido Pazó, e case o mesmo equipo creativo, celebrando esa festa teatral».
O elenco de actores está conformado por César Goldi, Nuria Sanz, Avelino González, Víctor Mosqueira, Sergio Zearreta e Marcos Orsi.
Os prezos das entradas son de 8 e 10 euros. Entradas á venda en entradaslugo.es, Oficina de Turismo de Lugo (Praza do Campo, 11) até 3 horas antes da actuación e no propio auditorio a partir das 19 horas do mesmo xoves 2 de maio. Terán un desconto do 20 % os desempregados, menores de 30 anos, pensionistas e asociados á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

Esta actuación forma parte da programación «Artes escénicas + XIX Mostra de Teatro Clásico».

Ten unha duración de hora e media.

Leave a comment

*